Novas

Horarios confirmados no Campionato de España Infantil Feminino

Xuñ 3, 2022

Fai unha semana anunciabamos que seriamos os organizadores do Campionato de España de Fútbol Sala Infantil Feminino 2022, ó que rebautizamos (para abreviar e por siglas) co hashtag #CEFSIF2022. Hoxe, a falta de outros sete días para o seu inicio, podemos confirmar tanto o último equipo clasificado, a U.D. Playas de Málaga, coma os horarios de todos os partidos.

Así pois, o partido que abrirá o torneo será o venres día 10 de xuño ás 16:00h, entre os representantes de Aragón (FSF César Augusta) e Andalucía (UD Playas de Málaga). Nesa mesma e intensa tarde de fútbol sala, seguirán os cuartos de final as 18:00h co duelo entre o EFB UB Conquense e o LBTL Futsal Alcantarilla, chegados de Castilla-La Mancha e Región de Murcia, respectivamente. Ás 20:00h será o noso turno como anfitrioas e vencedoras en Galicia, fronte ás homólogas madrileñas da AD Alcorcón FSF.

As semifinais disputaranse o sábado ás 17:30h e ás 20:00h. Na primeira, xa está agardando o campión catalán, Futsal Inlingua Mataró CE, quen por sorteo quedou exento da ronda anterior. A gran final queda marcada para o domingo ás 12:00 horas.

Habilitaremos na entrada do pavillón unha barra para venda de bebidas e produtos da zona: refrescos, auga, cervexa sen alcohol, porcións de pizza, empanada, etc. Tamén haberá venda de rifas con sorteos de cestas de viño e conservas. A ubicación exacta podédela consultar facendo clic aquí.

Agardamos desfrutar desta festa do fútbol sala base e que todos os que se acheguen á Seca gocen do evento, sobre todo os distintos clubes que veñen dende toda España e están facendo un esforzo enorme para que as súas xogadoras poidan vivir esta experiencia.