Novas

Previa Xornada 30

Xuñ 9, 2022

Non dependemos de nós mesmas, pero a consigna é ir concentradas a Móstoles e cumprir coa nosa parte. Non queda outro pensamento nas filas vermellas no que é o último partido da liga regular e que pode significar o nosa final de tempada. Para evitalo, entrar ó playoff e, por ende, realizar a nosa mellor clasificación histórica, é imprescindible que o MSC Torreblanca non gañe na súa visita á pista do Alcorcón.

Chegamos tras dúas vitorias nas anteriores xornadas e catro partidos sen perder como xeira vixente. Non poderemos contar definitivamente con Luísa, operada do seu xeonllo esquerdo, pero o resto do plantel viaxará a Móstoles.

A sabendas de que serán sétimas (sen opción a subir nin baixar postos pase o que pase) e coa mente nas despedidas do adestrador, Héctor Posse, e a veterana futbolista, Patri Chamorro. Así é o panorama na escadra do sur de Madrid, que non tivo a mellor segunda volta e, pese a estar só dous chanzos por debaixo nosa, son oito os puntos que nos separan. Nos seus últimos cinco partidos, dous empates e tres derrotas.

De todas formas, na nosa mente está que na primeira volta nos superaron na Seca por 2 – 4, na que foi a súa segunda vitoria de sempre na nosa cancha, tras perder nas anteriores seis visitas a Poio. En cambio, en terras madrileñas, levamos os tres puntos nas dúas pasadas campañas (saltando a 2019 / 2020, coa liga suspendida por covid). Certo é que acumulabamos catro derrotas seguidas se seguimos botando a vista atrás. A bagaxe total sería de 10 triunfos conserveiros e 6 mostoleños. Nunca houbo empate.

Cabe destacar que nas filas do Móstoles está a terceira máxima goleadora do campionato, Benete (xunto a Becha e Ale de Paz) con 22 tantos, dous de eles fronte a nós.

Se as cousas se poñen do noso carón, seguirédenos lendo un chisco máis. Do contrario, as previas volverán despois do verán 😉

CATEGORÍA: Convocatorias · Previas