Novas

T. 22/23 – X. 18 | PREVIA

Feb 10, 2023

Un sábado intenso agárdalle á expedición vermella que viaxará a Móstoles en bus no mesmo día, para desputar a 18ª xornada de liga ás 18:30h no pavillón de Villafontana e regresará con nocturnidade, xa na madrugada do domingo, a Poio. Na mira, sumar tres puntos ante un histórico da competición, que non o porá nada fácil.

Despois de superar por primeira vez como locais ó Futsi, rachando a súa imbatibilidade e subindo ó segundo chanzo da táboa, non debemos deixar que a euforia nos distraia dun obxectivo aínda distante, posto que apenas pasamos o ecuador da tempada. Iso si, son 15 partidos que enlazamos sen perder en liga, dos cales gañamos doce seguidos e empatamos na difícil pista do Burela. Recuperamos a xeira de vitorias ante Joventut e Navalcarnero, volvendo deixar a portería a cero en ambos encontros (e van oito con este rexistro). Mantemos a única baixa de Dani Sousa, por lesión.

Por parte do Móstoles, que é noveno con 22 puntos, tamén venceu os seus dous duelos da segunda volta, ante LBTL Futsal Alcantarilla e Gran Canaria Teldeportivo, totalizando tres partidos consecutivos sen perder. Un triunfo ante nós suporía a súa mellor bagaxe da campaña. Coma o ano pasado, destaca nas súas filas Alicia Benete, máxima goleadora do equipo con 13 tantos e sexta da liga. Ademais, dúas das súas xogadoras son internacionais coa selección ucraína.

Na primeira volta vencemos por 4 – 0 na Seca. Supuxo a 12ª vitoria en 18 enfrontamentos ligueiros ante a escadra mostoleña. Os outros seis partidos vencéronos elas, polo que xamáis houbo un empate. En terras madrileñas enlazamos tres triunfos seguidos: 1 – 3 no curso 2021 / 2022, 0 – 1 no 2020 / 2021 e 0 – 4 no 2018 / 2019. Pola suspensión da liga debido á covid, non houbo duelo en Móstoles na tempada 2019 / 2020.

CATEGORÍA: Previas