Dúas semanas restan para a desputa da final da XVII edición da Copa Galicia. Por primeira vez, loitarán polo título dous equipos veciños, separados pola Ría de Pontevedra, posto que o noso rival será o Marín Futsal (xoves 28 de marzo, 12:00h).
Esta cercanía entre ambos contendentes levou a que o lugar de encontro para dirimir o vencedor sexa o Polideportivo Príncipe Felipe de Pontevedra, pavillón no que xogamos de local a tempada pasada durante tres meses, debido ás obras de renovación da pista da Seca.
Dende o próximo luns, día 18, poderanse adquirir as entradas nos pavillóns da Raña e da Seca, en horario de 18:30 a 21h, ata o mércores 27 (sen contar sábado e domingo), a un prezo de 5€. Para menores de 10 anos será gratuíta, pero terán que retirala igualmente.
Nesta venda anticipada e polo mesmo importe de 5€, inclúese a camiseta conmemorativa da final, nun esforzo conxunto de ambas directivas por encher o pavillón e dar colorido ás bancadas. Tamén se venderán entradas no acceso do Príncipe Felipe o mesmo día de partido (sen a mencionada camiseta).
Ademais, teremos sorteos e moitas sorpresas, que iremos indicando nas redes sociais, nun afán de crear un día de festa inolvidable no fútbol sala de Marín, de Poio e de Pontevedra.