Novas

T. 23/24 – 1º Partido Semifinal Playoff Liga | PREVIA

Mai 31, 2024

Unha vez máis, o momento desexado chegou. O obxectivo está cumprido (por iso Luis renovou dous anos máis), pero non nos imos conformar. Nunca. Mañá sábado, ás 18h, en Burela temos que dar o primeiro paso cara a final polo título de Primeira División.

Cando nos gañou, precisamente, o Burela, na xornada 16, caíamos á novena praza da liga, a 11 puntos de entrar no playoff. E que? En Poio nunca deixamos de crer. Oito vitorias seguidas (segunda mellor xeira da nosa historia) e once triunfos na segunda volta (récord tamén) colocáronnos na cuarta posición e emparellábannos, un ano máis, contra o equipo de Julio Delgado na semifinal.

O conxunto da Mariña rematou primeiro a liga regular con 80 puntos, 21 máis que nós. Só perderon dous partidos, nas súas dúas últimas visitas do curso (Les Corts e Majadahonda). Con 123 goles a favor (nós 83), son a segunda escadra máis anotadora, superadas polo Futsi (126). En defensa, encaixaron 52 tantos, cifra que as coloca como as menos goleadas da liga, seguidas de nós (55). Certo é que nos últimos partidos recibiron máis goles do habitual.

Será a sexta vez que nos enfrontemos na presente campaña, así que xa non imos lembrar resultados anteriores. En liga superáronnos por 2 – 0 e 1 – 5. Apeáronnos da Copa da Raíña en oitavos de final (4 – 2) e priváronnos da Supercopa de España na final (1 – 0). Como contraparte, no último precedente, a semifinal de Copa Galicia, empatamos 3 – 3 e vencemos posteriormente a penaltis, nun derbi xogado en Ribadeo ó non estar dispoñible a pista de Vista Alegre.

A nosa afección acompañará ó equipo unha vez máis en Burela, con arredor de 50 persoas presentes nas bancadas para animar ó equipo conserveiro, que pode rachar o seu maleficio nesta pista (nunca gañamos nela) no mellor momento.

CATEGORÍA: Previas