Novas

T. 24/25 – Cuartos de Final Copa Galicia | PREVIA

Out 1, 2024

Por segunda campaña consecutiva comezaremos a Copa Galicia na pista do Viaxes Amarelle coruñés. Só que, nesta ocasión, farémolo defendendo o título. O duelo, correspondente a cuartos de final, será a partido único este mércores ás 21:45 horas.

Atopámonos con este derbi entre semana despois do primeiro mes de competición oficial, no que sumamos dúas vitorias, un empate e unha derrota en Primeira División, situándonos en sexto lugar. No último partido, conquistamos os tres puntos case sobre a bucina cun gol de Candela en xogada individual ante o recén ascendido Guadalcacín. Cae da convocatoria Èlia, ex do Amarelle e entran as canteirás Sofía Rozas, Irene Rozas e Iria Tilve.

O conxunto da Coruña, que descendeu no curso pasado, vén de caer por 1 – 3 fronte ó Rodiles FSF asturiano, polo que ocupa a penúltima posición no Grupo 1 de Segunda División, todavía sen puntuar. Na rolda previa da Copa Galicia, gañou 0 – 2 ó Fisober de Dumbría, equipo de Preferente.

Os dous antecedentes neste torneo son un empate a catro goles en 2018 e a vitoria vermella por 0 – 1 da pasada campaña. Sen embargo, en liga, que foi a última vez que xogamos no pavillón Sagrada Familia, caímos por un contundente 6 – 1.

CATEGORÍA: Previas