Novas

T. 24/25 – X. 9 | PREVIA

Nov 8, 2024

Buscando por primeira vez nesta liga enlazar tres triunfos, viaxaremos ata a pedanía de Roldán, en Torre Pacheco (Murcia), para disputar a novena xornada do campionato (sábado, 17 horas).

Boas sensacións transmitiu o equipo nas dúas últimas datas, con vitorias por 0 – 6 en Móstoles e 5 – 0 ante o Atlético Torcal. Volvemos deixar a portería a cero tras cinco xornadas sen facelo e, ademais, por partida dobre. Mantémonos en quinta posición, a tres puntos do playoff, con 16 no noso haber.

O STV Roldán, pola contra, segue unha traxectoria oposta. Son oitavas con 10 puntos, pois comezaron a liga con tres triunfos fronte ó Atlético Torcal, Les Corts e Ourense, pero agora enlazan cinco duelos sen gañar, dos que empataron un (en casa contra o Teldeportivo, pese a ir 5 – 0). Sen embargo, dende outro punto de vista, como locais só caeron ante o Burela. Teñen un gol a favor menos que nós (25) e encaixaron o dobre (20).

En total, 23 son os precedentes entre ambos clubes, con 9 triunfos para cada un e 5 empates. Unha vitoria nosa foi na Copa da Raíña e un empate, o da semifinal da Supercopa do curso pasado (que levamos por penaltis). Por tanto, en liga segue mandando o conxunto murciano, aínda que non nos superou nos últimos cinco encontros. A bagaxe no pavillón Gabriel Pérez pasa a ser de 6 triunfos torrepachequeros, 2 empates e 3 vitorias conserveiras.

CATEGORÍA: Previas