Novas

T. 24/25 – 1/8 de Final da Copa da Raíña | PREVIA

Dec 17, 2024

Última semana de competición do 2024, pero por todo o alto. Dobre compromiso o que temos e que comeza cun duelo crucial na Copa da Raíña. En oitavos de final e por un pase á final a oito, visitaremos o pavillón de Los Cantos, en Alcorcón (mércores, 20h).

Pode que os últimos resultados ligueiros non fosen os mellores, pero o equipo está rendindo a alto nivel e a confianza é cega. Na Primeira División baixamos ata o sexto chanzo, situándonos a cinco puntos do playoff, que precisamente o marca o Alcorcón. Un total de cinco xornadas sen vencer, sumando un único punto (3 – 3 contra o conxunto alfareiro na Seca). Polo medio, superamos ó Penya Esplugues nos dezaseisavos copeiros, polo que, estritamente, a nosa xeira sen gañar é de tres partidos actualmente.

O equipo adestrado por Piru vén de ser o primeiro en sacarlle puntos ó Futsi en liga, cun empate a catro goles en Alcorcón. Unha igualada que lle serviu para manter a cuarta posición. Nos seus últimos cinco encontros de Primeira División lograron unha vitoria, dous empates e dúas derrotas. Na Copa, venceron por 3 – 7 ó Chiloeches na pasada eliminatoria. Precisamente, foron semifinalistas do torneo do K.O. nas pasadas tres edicións.

Son 24 os precedentes, con 11 vitorias vermellas, 3 empates e 10 triunfos amarelos. Na súa pista enlazamos 4 vitorias seguidas, sendo a bagaxe total de 5 triunfos, 1 empate e 5 derrotas. En Copa (a que era Copa de España, no seu anterior formato), enfrontámonos en cuartos de final de 2017, edición que se celebrou na Seca, saíndo gañadoras as alfareiras por 1 – 4.