Sempre son sinalados os derbis entre Poio e Marín como un gran día do deporte pontevedrés e ante unha nova edición nos presentamos. Este sábado ás 17 horas (en directo pola TVG2 e por Sinopsis Vuvuzela), A Seca será o escenario do duelo correspondente á 19ª xornada de liga de Primeira División.
Como indicou Martita en rolda de prensa, a Supercopa deixounos un sabor agridoce, pois non alcanzamos a final (nin, por ende, gañámola), pero si demos unha moi boa imaxe, alcanzando un alto nivel de xogo. Regresando ó torneo ligueiro, somos sextas con 28 puntos, a 3 do posto de acceso ó playoff polo título. Nas últimas catro xornadas estamos realizando a chamada media inglesa, pois vencemos en casa e empatamos fóra. Luis López-Tulla conta con todo o plantel agás Anna Escribano.
No outro lado da ría de Pontevedra a situación é diferente. O Marín Futsal ocupa a 13ª praza, a que marca a permanencia, cun punto máis que o Móstoles, o seu principal perseguidor e co que, precisamente, empatou na última xornada. Suman catro partidos sen gañar (dúas igualadas e dúas derrotas) e dos seus 15 puntos, unicamente 2 conseguíronos lonxe do seu feudo. Acumulan 35 goles a favor (por 51 nosos) e 68 en contra (31 no noso caso).
Un total de nove precedentes (dous en Copa Galicia) existen entre ambos clubes, saldados con 7 vitorias vermellas, 1 empate e 1 triunfo albiazul. Certo é que esa vez que nos superaron foi no noso derradeiro encontro, na primeira volta da actual liga (1 – 0 na Raña).

