Novas

T. 24/25 – 1/4 de Final da Copa da Raíña | PREVIA

Mai 1, 2025

Por primeira vez dende que se disputa este formato de fase final de Copa con oito equipos, estamos entre eles. O sorteo determinou que o noso rival en cuartos de final sexa o STV Roldán FSF (venres, 18:30h, en directo por RTVE Play).

Sen opcións de entrar no playoff polo título ligueiro, a gran ilusión do que resta de tempada recae nesta fin de semana. Chegamos a este duelo tras perder os dous últimos, nas pistas de Melilla e Alcorcón (aínda que precisamente eliminamos ás alfareiras a domicilio nos oitavos copeiros). A expedición vermella parte co seu primeiro plantel, a excepción de Anna Escribano e Miri, mancadas.

O Roldán é o actual cuarto clasificado en liga, con 6 puntos de vantaxe sobre o quinto cando restan 9 por disputarse. Os seus tres últimos enfrontamentos gañounos e tan só perdeu un dos últimos nove partidos. En oitavos de final eliminou ó Futsi, dando a gran sorpresa no torneo.

Un total de 25 precedentes existen entre ambos clubes, con 10 triunfos conserveiros, 6 empates e 9 vitorias torrepachequeras. Nos últimos sete duelos vencemos catro e empatamos tres (un deles, a semifinal de Supercopa do curso pasado, que superamos por penaltis). Ademais, na tempada 2019 / 2020 eliminámolas en cuartos de final deste mesmo torneo (ano en que xogamos a final en Málaga).

CATEGORÍA: Previas