Pechamos a tempada 2024 / 2025 ante a nosa afección recibindo ó Teldeportivo (sábado, 12 horas), conxunto que é o pechacancelas da liga, xa descendido.
Será un duelo co que intentar sumar tres puntos para adiantar a Les Corts (7º con 42) e Castro (6º con 43), pois nós estamos en 8º lugar, tamén con 42 puntos. Ademais, barcelonesas e lucenses enfróntanse entre elas. Para esta derradeira xornada contamos coas coñecidas baixas de Anna Escribano e Miri, mentras que se suman á convocatoria as canteirás Sofía Rozas e Iria Tilve. O enfrontamento terá sabor de despedida, tras anunciarse a marcha da capitá, Irene García, tras sete campañas (récord de cursos seguidos en Primeira División no club).
Non foi a tempada desexada, nin moito menos, a do conxunto canario. O Teldeportivo, recén ascendido, unicamente sumou 4 puntos e non logrou gañar ningún duelo ligueiro (si en Copa, onde chegou á final a oito). Enlaza dez derrotas seguidas, despois de igualar con Rubí e Castro nas xornadas 18 e 19, respectivamente. Sen embargo, deron a sorpresa sumando un punto na pista do Roldán.
Cinco precedentes existen entre ambas entidades, saldados con triunfos conserveiros. Na primeira volta, curiosamente na primeira xornada, vencimos en Gran Canaria por 0 – 5.

