Dous partidos seguidos xogaremos no noso feudo en liga. O primeiro deles, este sábado ás 16h (en directo por Teledeporte) mediranos a un debutante en Primeira División, a AD Ceuta, actual 9º clasificado.
Encaramos unha segunda metade de setembro cun calendario apretado entre Liga, Copa da Raíña e Copa Galicia. Tras dúas xornadas no campionato ligueiro, estamos en cuarta posición con 4 puntos. Vencemos por 6 – 0 na Seca ó Penya Esplugues e empatamos, sobre a bucina, 2 – 2 en Guadalcacín. Con todas as futbolistas dispoñibles, a excepción de Miri, o equipo quere volver gañar ante a súa afección.
Enfronte estará a AD Ceuta, que a pesar de ser un recén ascendido e debutante en Primeira, ten un equipo moi competitivo. Aínda que caeu por un axustado 2 – 1 na pista do Alcantarilla, venceu a semana pasada por 3 – 2 ó Ourense. Na campaña pasada foron campioas do grupo 3 de Segunda División, empatando a puntos co Almagro, a quen vencerían na final polo ascenso (precisamente o que será o noso rival en Copa da Raíña o martes).
Será a primeira vez que ambos conxuntos se enfronten entre si.
Foto de Débora Braga.

