Novas

T. 25/26 – X. 7 | PREVIA

Out 17, 2025

Dous partidos seguidos fóra de casa agárdannos, dos tres restantes antes do parón polo mundial. O primeiro deles será en Móstoles, este sábado ás 18:30 horas.

Acudimos a terras madrileñas nun gran momento de forma, tras encadear dúas vitorias seguidas en liga e tres se contamos a Copa Galicia. Con 14 puntos somos segundas e igualamos o mellor inicio de liga sen derrotas da nosa historia (que non o de máis puntos). Ademais, somos o segundo equipo máis anotador (26) e o menos goleado (5), destacando que Ale de Paz é pichichi de Primeira División con 7 tantos. Para esta convocatoria están todas agás Miri e a gardameta Yanira, que será substituída pola canteirá Estela.

O Móstoles, pola súa parte, é décimo con 8 puntos. Vén de empatar en Burela (primeiro punto que sumaron as laranxas) e vencer, anteriormente, en casa ó Ourense Ontime. O conxunto de Patri Chamorro conseguiu os seus dous triunfos como locais, perdendo unicamente ante o Melilla. Suman 13 goles a favor e 16 en contra. Enfrontarémonos por primeira vez a Irene García, a nosa ex capitá, que ata agora non estivera noutro club en Primeira que non fose o noso.

Un total de 23 precedentes existen entre ambos equipos, todos na máxima categoría do fútbol sala feminino español, saldados con 17 triunfos conserveiros e 6 mostoleños. Enlazamos unha boa xeira particular, gañándolles os últimos 7 enfrontamentos, así como as 6 visitas precedentes ó seu pavillón (derradeira derrota en marzo de 2018 por 2 – 0).

CATEGORÍA: Previas