Seis semanas despois, nas que se disputou o primeiro Mundial oficial de fútbol sala feminino, regresa a Primeira División. Faino, ademais, cun partidazo entre os dous primeiros clasificados. Este sábado, ás 19h, enfrontarémonos ó Melilla na súa pista.
Con 5 vitorias e 4 empates, somos segundas en liga, sendo o único equipo que todavía non perdeu. O noso último partido, o 1 de novembro, rematou con empate na Seca ante o Alcorcón (segunda igualada consecutiva trala do Roldán). Lonxe de casa, vencemos en Alcantarilla e Móstoles, e sumamos un punto en Guadalcacín e Roldán. Con pouco tempo de descanso tras volver de Filipinas están sete das nosas xogadoras (fumos o club con máis futbolistas no Mundial), mentras que Miri segue recuperándose da súa lesión e Bravo é baixa pola súa recente apendicite.
O Melilla lidera a táboa clasificatoria con tres puntos máis que nós, tras 7 triunfos, 1 empate e 1 derrota. Son o equipo máis anotador (45, por 37 nosos, que somos as segundas que máis marcan) e o que menos encaixa xunto ó noso (14 tantos recibidos). Como local suman 3 vitorias e 1 empate. Precisamente a súa derrota produciuse na última xornada, por 4 – 3 en Castro (sen as súas estrelas Emilly, Amandinha e Ana Luiza, xa concentradas con Brasil, sendo á postre campioas do mundo). No seu caso, cinco xogadoras proveñen de disputar o Mundial. Das 12 mundialistas que haberá no pavillón entre ambos equipos, 10 conseguiron medalla (tres ouros con Brasil, 2 pratas con Portugal e 5 bronces con España).
Un total de dez precedentes existen entre ambos clubes, con 3 duelos para as vermellas, 3 empates e 4 triunfos albinegros. Na campaña pasada, as norteafricanas superáronnos en ambos choques de liga por 2 – 0.

