Novas

T. 25/26 – 1/8 de Final da Copa da Raíña | PREVIA

Dec 16, 2025

Volve o fútbol sala a Poio tras mes e medio e nunha semana de dobre enfrontamento ante o Futsi Atlético Navalcarnero, actual campión de liga e supercopa. O primeiro deles, en oitavos de Copa (partido único), dirimirase este mércores ás 20 horas.

O regreso á competición tralo parón polo Mundial non foi o que desexábamos. O equipo caeu en Melilla, cun marcador máis avultado do que se viu na pista (como sinalou Elena en rolda de prensa), o que supuxo perder a imbatibilidade ligueira, baixar ó terceiro posto da clasificación tras dez xornadas e non marcar por primeira vez nun partido da actual campaña. Agora, a xeira mírase do revés, con tres partidos consecutivos sen gañar. No torneo do KO superamos por 3 – 5 ó Almagro FSF de Segunda División na rolda de dezaseisavos de final.

O Futsi, en cambio, chega en continua progresión tras superar claramente ó Penya Esplugues e sumar tres triunfos consecutivos que lles alzaron á quinta praza na táboa, a dous puntos de nós. Suman os mesmos goles que os nosos (37), aínda que encaixaron 7 máis (27 elas e 20 nós). En Copa, na eliminatoria anterior, gañaron ó Rodiles asturiano por 0 – 5, sendo a única ocasión na que deixaron a súa portería a cero.

Case cinco anos pasaron dende a última vez que A Seca acolleu un partido de Copa da Raíña. Foi un 4 de xaneiro de 2021, tamén en oitavos de final. Naquela ocasión caemos a penaltis ante o Ourense Ontime, logo de empatar a tres goles. Supuxo o comezo dunha negativa xeira de catro tempadas seguidas perdendo nesta rolda (ata que o curso pasado chegamos ás semifinais).

Dúas veces enfrontámonos ó Futsi en Copa, ambas en Navalcarnero e con resultado de 5 – 1. A primeira, en xuño de 2018, cando se disputaba a Copa de España. A segunda, en decembro de 2022, xa como Copa da Raíña. En total existen 27 duelos precedentes, con 3 vitorias conserveiras, 3 empates e 21 triunfos madrileños. Nunca as superamos na Seca, xa que a única vez que lles gañamos como local foi no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra.