Novas

T. 25/26 – X. 13 | PREVIA

Xan 5, 2026

Nin tres días de descanso pasaron dende o primeiro partido do 2026 e xa imos polo segundo. De novo un derbi e como visitantes. Este martes, día dos agasallos dos Reis Magos, xogaremos ante o Ourense Ontime ás 12 horas.

Tras vencer por primeira vez na nosa historia en Vista Alegre ó Burela, curtamos as xeiras de dúas derrotas seguidas e de catro partidos en liga sen vencer. Tamén volvemos deixar a portería a cero tras seis duelos sen logralo. Seguimos en 5ª posición, a un punto do playoff. Por detrás, o sexto clasificado conta con catro puntos menos que nós. Na convocatoria, todas agás Miri.

Pola súa parte, o Ourense Ontime é 9º con 16 puntos, seis menos que nós. Chegan no seu mellor momento da tempada, pois enlazan por primeira vez tres partidos sumando en liga (dúas vitorias e un empate). A volta do parón mundialista asemella que lles prestou, a excepción da eliminación copeira en Móstoles. O pasado sábado conseguiron un gran triunfo por 4 – 5 na pista do Castro FSF (o noso seguinte rival). Acumulan 28 goles a favor (42 nós) e 36 en contra (28 no noso caso).

O balance global de resultados entre ambos clubes está empatado: 13 triunfos para cada un e 5 igualadas. Nas últimas tres tempadas, dende a chegada de Luis López-Tulla, superámolas en cinco de seis enfrontamentos ligueiros. Precisamente perdemos no pavillón dos Remedios no curso pasado, rachando unha xeira de cinco campañas seguidas gañando na súa pista.

 

Foto de Débora Braga.
CATEGORÍA: Previas