A primeira volta da liga remata este sábado ás 16:30h na pista do Les Corts, en Barcelona. En mente está conseguir o récord de vitorias consecutivas na presente campaña ligueira (catro) e manterse en postos de playoff.
O 2026 comezou de forma inmellorable (agás pola lesión de Candela), ó conseguir tres triunfos en sendos partidos, todos derbis galegos. Volvemos ó playoff e incluso mantivemos a cero dúas veces a nosa portería, tras unha mala xeira de goles encaixados. Agora, situámonos en 4º lugar na táboa, a 3 puntos do líder e con 2 de vantaxe sobre o 5º clasificado.
Les Corts ocupa a 12ª posición, con 10 puntos menos que nós. Pese a iso, ten 9 puntos de marxe co descenso, debido á igualdade ligueira en media táboa. Veñen de perder 3 – 2 en Alcantarilla e só venceron ó Penya Esplugues nos últimos cinco duelos, os que houbo despois do parón mundialista. Na súa pista superaron a Futsi, Móstoles e Guadalcacín, mentras que caeron ante Castro, Melilla e Roldán. Suman 37 goles a favor (49 nós) e 36 en contra (por 30 no noso caso). Nas súas filas está a derradeira vencedora do premio a mellor xogadora catalá, Paula Guix, que superou á nosa Èlia. Ademais, convocaron para a selección española sub-21 a dúas das súas futbolistas: Ona Solans e Silvia Cuartero.
É a terceira tempada do conxunto barcelonés en Primeira División e non se nos deu ben xogar contra elas, xa que nos gañaron tres veces (entre elas, os dous duelos do curso pasado). A única vitoria vermella foi na súa cancha.

