Cuarto partido da segunda volta de liga e visitamos ó terceiro rival que, xunto a nós, está en posto de playoff polo título. Este sábado ás 18 horas xogamos contra o cuarto clasificado e vixente campión de Primeira División, o Futsi Atlético Navalcarnero.
Tras ver finalizada a nosa impecable xeira do 2026, con seis triunfos de seis posibles, ó caer 0 – 2 ante o Melilla, mantemos o segundo chanzo na clasificación, pero con menos distancias sobre os perseguidores. Na primeira volta tan só perdemos dous duelos, ante melillenses e navalcarnereñas, de forma consecutiva ademais. Agora, repítese a orde, pero coa diferenza de que avantaxamos en tres puntos ás albivermellas, unha separación que é importante conservar, polo menos. Todas as xogadoras están dispoñibles, agás Miri.
O Futsi vén de gañar por 3 – 8 ó Penya Esplugues, conseguindo a súa sexta vitoria seguida lonxe de casa. No seu feudo, en cambio, acumulan tres partidos sen gañar (derrota ante Alcorcón e empates contra Atlético Torcal e Ourense). Son o conxunto máis realizador con 78 goles marcados (64 nós), pero son o sexto equipo que máis encaixa (50, por 36 no noso caso). Cunha vitoria empataríannos a puntos, pero o golaveraxe lles sería favorable.
Na primeira volta superáronnos por 3 – 8, o que supuxo a maior cantidade de goles que recibimos na Seca en Primeira División na nosa historia (aínda que non é a nosa peor derrota en canto a diferenza no marcador). Este será o trixésimo partido entre ambos clubes. Ata agora, 4 vitorias conserveiras, 3 empates e 22 triunfos albivermellos. Certo é que unha das nosas vitorias foi na presente campaña, nos oitavos de Copa. No pavillón de La Estación vencemos dúas veces, en 2017 e 2018. Dende entón, 1 empate e 6 derrotas.

