O primeiro título da tempada está a piques de decidirse. A Federación Galega de Fútbol confirmou que a final da Copa Galicia celebrarase no Pavillón dos Deportes de Pontevedra, o día 2 de abril ás 12 horas. O FSF Castro será o noso rival nunha final inédita na competición.
Esta será a nosa quinta final. Ata o de agora, todas remataron coroándonos como campioas. A primeira, en 2017, disputouse precisamente na pista do municipal lerezano, onde superamos ó Ourense Ontime. Nas nosas filas xa estaba Ale de Paz, actual capitá e posuidora de tres das nosas catro Copas Galicia (a xogadora que máis ten como conserveira). O último trofeo sumámolo hai dous anos, no pavillón Príncipe Felipe, nun derbi ante o Marín Futsal.
Na actual edición, eliminamos previamente ó Estrela Futsal e ó Reyco Burela FS. Pola súa banda, o conxunto de Julio Delgado venceu ó Valdetires Ferrol e ó Ourense Ontime. Para as lucenses será a segunda final consecutiva, tras perder nos penaltis a do curso pasado ante o equipo laranxa. Nesa edición, gañáronnos na semifinal por 4 – 1.
As entradas poderanse adquirir proximamente nas nosas oficinas. Os prezos designados pola federación son:
- Abono para as finais masculina e feminina: 15€
- Un único partido: 10€
- Menores de 16 anos: de balde.
Unha vez máis, o apoio da afección será clave para un evento que sempre destaca a nivel nacional. Ademais, a forza da Marea Vermella será vital para lograr traer a quinta copa ás nosas vitrinas!

