Novas

Estela Fernández estréase en Primeira División

Abr 21, 2026

A pasada 25ª xornada de Primeira División deixou moitas alegrías na entidade conserveira. Un partidazo ante un rival directo, unha goleada histórica (repetimos o 0 – 6 como mellor resultado lonxe da Seca) e a portería a cero por segundo duelo consecutivo (primeira vez no curso actual). Pero, ademais, o partido en Alcorcón será recordado por significar o debut na máxima categoría do fútbol sala español dunha canteirá vermella: Estela.

Estela Fernández García (Pontevedra, 17/07/2008) saltou á pista de Los Cantos no minuto 35 do encontro, xa co 0 – 6 no marcador, pero sen telo previsto: “A verdade é que foi totalmente unha sorpresa, non mo esperaba, e mais sendo ese rival que ten un posto alto na táboa”. A porteira pontevedresa, que está na súa novena tempada como conserveira e aínda en idade xuvenil, foi convocada en varias ocasións, sendo a primeira na xornada 26 da campaña 2023 / 2024. Aínda así, “custoume crer que estaba debutando. Estaba nunha nube, pero con moita ilusión”.

Tampouco foron uns minutos inadvertidos os que dispuxo. En fronte tivo a un Alcorcón que buscaba insistentemente recurtar distancias e que a esixiu dende que accedeu á cancha. Estela, coas súas compañeiras celebrando as súas paradas coma se fosen goles, incluso detivo un man a man a Vane Sotelo, máxima goleadora histórica da Selección Española. Dous días despois, a canteirá lembraba: “As miñas compañeiras animáronme sempre dende o primeiro momento, algo que me axudou moito a relaxarme un pouco. Ademais, ó ver as repeticións despois e ver como saltaba o banco animándome, fixo que me fixese aínda máis ilusión, cousa que agradezo tanto a elas como ó corpo técnico. Ata me fixeron un corredor de pescozadas ó rematar”.

Estela é a terceira futbolista formada na nosa base que debuta en Primeira División con Luis López-Tulla como adestrador. Na última xornada da tempada pasada fixeron o propio Sofía Rozas e Iria Tilve, ambas compañeiras de Estela no filial.

 

Foto de Débora Braga.
CATEGORÍA: ED Poio