Novas

T. 25/26 – X. 26 | PREVIA

Abr 24, 2026

O derradeiro partido do mes de abril, xusto antes da fase final da Copa da Raíña, podería significar o noso acceso oficial ó playoff polo título de liga. Para iso, habería que vencer ó Ourense Ontime este sábado ás 12 horas na Seca.

As nosas futbolistas manteñen a 2ª posición na liga tras o partidazo en Alcorcón (0 – 6), que supuxo a sexta vitoria seguida no campionato doméstico (igualamos a mellor xeira neste curso). Cinco puntos sepárannos do líder e catro, do terceiro e cuarto clasificado. Pola contra, temos 14 puntos de vantaxe sobre o Castro, polo que unha vitoria aseguraríanos a praza na loita polo título de liga.

Para evitar esta efeméride está o Ourense Ontime, 7º con 40 puntos. O conxunto de Carlos Navarro vén realizando unha segunda volta de liga en melloría, aínda que empataron na casa co Ceuta na pasada xornada. Están certamente lonxe de chegar ó playoff e, obviamente, non teñen problemas mirando cara abaixo na táboa. Fóra da súa pista suman 17 puntos. Ademais, en total, marcaron 72 goles (por 86 nosos) e recibiron 68 (por 44 no noso caso).

Na primeira volta superámolas por 2 – 5. Un total de 32 precedentes existen entre ambos clubs, con 14 vitorias conserveiras, 5 empates e 13 triunfos aurienses. En Poio levamos tres derbis consecutivos vencendo.

Foto de Débora Braga.
CATEGORÍA: Previas