O final da liga regular achégase e a penúltima saída na procura de tres puntos é a máis longa do curso. Nesta 28ª xornada o equipo desprázase a Ceuta para disputar un novo duelo (sábado, 11h).
Nunha semana na que se confirmou a renovación de Luis López-Tulla como adestrador conserveiro ata, polo menos, 2028, o conxunto vermello quererá homenaxealo da mellor maneira, cun triunfo sobre a pista, que sería a novena vitoria consecutiva na liga. Os tres puntos son moi importantes para manter a segunda praza e seguir aspirando, aínda, á primeira. Na expedición mantéñense as baixas de Miri e Noelia Montoro.
A AD Ceuta, debutante en Primeira División, ocupa o 13º posto na táboa, é dicir, marca a permanencia, con 5 puntos de vantaxe sobre a Penya Esplugues, único conxunto con opcións de salvación. No que vai de segunda volta só venceron ó Reyco Burela, complicando así unha continuidade en Primeira que parecía feita. Na súa pista lograron 17 dos seus 30 puntos. Acumulan 65 goles a favor (por 94 nosos) e 78 en contra (46 no noso caso).
O único precedente é o resultado da primeira volta da presente tempada, un 4 – 0 ó noso favor.
Foto de Débora Braga.

