Co remate da tempada 2025 / 2026, a RFEF publicou o pasado 30 de xuño o calendario para o vindeiro curso. Iniciaremos a nosa 14ª campaña na Primeira División na primeira fin de semana de setembro, visitando ó recentemente ascendido Wanapix Aldelis Intersala 10 Zaragoza. O fútbol sala volverá ó noso feudo unha semana despois, recibindo a outro conxunto procedente da Segunda División, o El Gaitero Rodiles FSF. A competición rematará a súa fase regular os días 29 e 30 de maio de 2027. Unha vez máis, farémolo na pista do FSF Castro Bloques Cando. O playoff polo título de liga disputarase durante o mes de xuño.
Como punto de partida teremos o luns 3 de agosto, data fixada para o inicio da pretempada, quedando aínda por definir o calendario de partidos de preparación.
Outras datas importantes sinaladas no calendario son:
- Copa da Raíña: aínda que comezará coa eliminatoria entre equipos da Segunda División, para nós o debut será os días 3 ou 4 de novembro. A fase final quedou fixada entre o 16 e o 18 de abril de 2027.
- Supercopa de España: regresamos a esta competición, programada para os días 30 e 31 de xaneiro de 2027.
- Rolda Elite da UEFA Futsal EURO: a vindeira será tempada de Eurocopa, a cuarta edición que se organizará. España disputará a fase de clasificación entre os días 6 e 11 de outubro.
- Eurocopa Feminina de Fútbol Sala: celebrarase en Osijek (Croacia), entre os días 14 e 21 de marzo de 2027.

