Hai frases que transcenden un slogan. “Poio É Fútbol Sala” é unha delas. Porque detrás destas catro palabras hai anos de esforzo, de éxitos e dunha afección que converteu ó Poio Pescamar FS nun dos grandes referentes deportivos da nosa contorna.
O Poio Pescamar FS leva anos sendo un dos mellores embaixadores do noso municipio. Catorce tempadas competindo na elite do fútbol sala nacional, catro Copas Galicia, campionatos de España en categorías base, unha afección recoñecida como a mellor de España, internacionais defendendo as súas seleccións e máis de 200 nenos e nenas medrando cada curso baixo o noso escudo son só algúns dos logros que converteron o club nun referente dentro e fóra de Galicia.
Por iso, para presentar a campaña de abonados da tempada 2026 / 2027, quixemos facer algo diferente. O vídeo que acompaña esta campaña reúne algunhas das persoas que, nacidas aquí ou non, representan a Poio e son referentes en ámbitos tan diversos como o deporte ou a gastronomía, para poñer voz a algúns dos fitos máis importantes da nosa historia.
Entre elas, Pepe Solla e Cristian Fernández (cociñeiro cunha Estrela Michelín e campión do mundo de acuatlón, respectivamente), nacidos aquí, así como Ale de Paz e Aicardo, que, aínda que veñen de fóra, no primeiro caso xa é unha poiense máis, mentres que Aicardo aposta por continuar a súa impresionante traxectoria con nós, residindo en Poio.
Un único carné para vivir todo o Poio Pescamar FS
O carné de abonado da tempada 2026 / 2027 permitirá acceder a todos os partidos oficiais que disputen na Seca os equipos do Poio Pescamar FS, independentemente da competición.
Ademais de acompañar unha tempada máis ao primeiro equipo feminino na máxima categoría do fútbol sala nacional e vivir o histórico debut do equipo masculino na Terceira División Nacional, os abonados poderán gozar de todas as competicións que o club dispute como local.
O conxunto de Luis López-Tulla volverá competir pola Copa Galicia e a Copa da Raíña, mentres que o de Lin afrontará tamén a Copa Galicia, nunha tempada histórica tras conseguir o ascenso á categoría nacional.
Modalidades de abono
Abono individual
- Renovación: 35 €
- Novo abonado: 40 €
Abono familiar
Válido para tres persoas da mesma familia con parentesco de primeiro grao (pais e fillos, avós e netos ou irmáns).
- Renovación: 70 €
- Novo abonado: 75 €
Abono infantil
Para menores de 12 anos.
- Renovación: 15 €
- Novo abonado: 20 €
Abono empresa
Proximamente anunciaranse as condicións desta modalidade de abono.
Como solicitar o teu abono
As solicitudes poderán realizarse a través deste formulario ou por:
📧 oficina@poiopescamarfs.es
📱 WhatsApp: 698 14 77 05
Unha vez recibida a solicitude, o club facilitará as instrucións para formalizar o pagamento.
A reserva do abono só será efectiva unha vez realizado o pagamento correspondente.
Carnés nominativos
Todos os carnés serán persoais e intransferibles e incorporarán un código QR identificativo, polo que non estará permitida a súa cesión a terceiras persoas.
Recollida dos carnés
Os abonados poderán recoller o seu carné nas primeiras citas da tempada na Seca:
- Sábado 22 de agosto, durante o primeiro encontro de pretempada do primeiro equipo feminino.
- Última fin de semana de agosto, coincidindo co partido de Copa Galicia do equipo masculino fronte ao Bueu FS.
- Sábado 29 de agosto, durante o segundo encontro de pretempada do primeiro equipo feminino.
- 12 de setembro, con motivo do debut ligueiro como local do primeiro equipo feminino.
No caso de non poder acudir a ningunha destas datas, poderán recollelo nas seguintes xornadas con partidos como local.
Vémonos na Seca
Detrás de cada partido, de cada ascenso, de cada título e de cada paso adiante sempre houbo unha afección que nunca deixou de crer.
Agora comeza unha nova tempada. Novos retos, novas ilusións e unha nova oportunidade para seguir facendo medrar este proxecto.
Poio É Fútbol Sala e nós queremos seguir sendo o orgullo de Poio.
Abónate ó Poio Pescamar FS e acompáñanos unha tempada máis.

