Volve a Primeira División despois dun mes de parón de seleccións. En concreto, A Seca volverá ver as súas xogadoras cinco semanas despois (sen contar o partido amigable disputado polo medio contra o Marín). A espera pagará a pena, pois recibimos ó segundo clasificado, o Torreblanca Melilla, un dos aspirantes a todos os títulos e, polo tanto, rival directo. Por iso, o encontro será retransmitido en directo por Teledeporte este sábado ás 16:00h.
Os tres partidos disputados ata o momento saldáronse con dúas vitorias ante os recentemente ascendidos Intersala Zaragoza e Rodiles, así como cun empate in extremis na pista do Alcorcón. Agora mesmo ocupamos a terceira posición, por detrás das vixentes campioas e subcampioas (Futsi e Melilla, respectivamente), que non cederon ningún punto. Cómpre destacar a achega ofensiva de Laura Sánchez, fichada este verán, que marcou dous tantos en cada encontro e é a máxima goleadora da competición. Ela, xunto con Elena, Martita e Pedreira, estiveron convocadas coas seleccións de España e Portugal, logrando clasificar ambos países para a Eurocopa de Croacia de 2027. Na convocatoria non estarán, por lesión, nin Èlia nin Yanira. A porteira será substituída pola canteirá Estela.
No equipo melillense, o principal cambio produciuse no banco, coa chegada de Cely Gayardo como adestradora. Polo momento, contan os seus partidos por vitorias, ante o Atlético Torcal, Les Corts e Móstoles. Mesmo deixaron a súa portería a cero nestes dous últimos encontros. Cun cadro de xogadoras lixeiramente máis curto ca o da pasada tempada, manteñen a columna vertebral do equipo, con campioas do mundo como as brasileiras Amandinha, Emilly e Ana Luiza.
Existen un total de trece precedentes entre ambos clubs, cun balance de 3 vitorias vermellas, 3 empates e 7 triunfos norteafricanos. Na actualidade, acumulamos unha xeira de cinco derrotas consecutivas ante elas, sen ter conseguido sequera marcarlles un gol nestes encontros.
Foto de Cuadernillo de Futsal.

