Novas

T. 26/27 – Cuartos de Final da Copa Galicia | PREVIA

Out 19, 2026

O regreso á competición despois dun mes sen liga tamén nos depara un duelo entre semana. Este martes debutaremos na XX Copa Galicia, na rolda de cuartos de final, visitando ó CD Mosteiro Bembrive vigués, da Segunda División.

O pasado sábado volvemos disputar un partido oficial (catro semanas despois), que se saldou con derrota por 3 – 4 ante o Torreblanca Melilla na cuarta xornada da Primeira División, na que ocupamos a sexta posición. Esta foi a primeira derrota da tempada, despois de sumar dúas vitorias e un empate. Agora, para compensar a falta de partidos, engadiremos un entre semana na Copa Galicia, competición na que fomos subcampioas na pasada campaña tras caer ante o Castro FSF (a primeira vez que perdemos unha final desta competición).

O Bembrive FS é un dos habituais equipos punteiros da Segunda División, malia non conseguir o ascenso á Primeira (disputou varias fases de ascenso). Vén de gañar por 0 – 7 ó CD Juventud del Círculo Católico e ocupa a sexta posición na liga. Na rolda previa da Copa Galicia eliminou cun contundente 0 – 10 ó Leis Pontevedra – Barro FS, logrando así regresar ós cuartos de final tres tempadas despois. Nas súas filas militan varias ex conserveiras, como Claudia Martínez, Jessi Lores, Patri Arruti ou Iria Tilve.

Os precedentes entre ambos os clubs son dous enfrontamentos, tamén na Copa Galicia. Na tempada 2022 / 2023 vencemos por 0 – 5 nos cuartos de final. Na tempada 2017 / 2018, cando se disputaba unha fase de grupos, impuxémonos por 2 – 8 na primeira xornada.

 

Foto de Cristina Saiz, de Pontevedra Viva.
CATEGORÍA: Previas