Novas

T. 26/27 – Semifinal da Copa Galicia | PREVIA

Nov 10, 2026

O apertado calendario de partidos no que estamos inmersas lévanos este mércores ás 19 horas a Verín. O motivo: a semifinal, a partido único, da Copa Galicia contra o Estrela Futsal.

Nove partidos entre as tres competicións levamos disputados no que vai de tempada, dos que só perdemos un, ante o Melilla. Na Primeira División ocupamos a 5ª posición con 14 puntos, a catro do playoff. Precisamente, o sábado visitaremos ó 4º clasificado, o Roldán. Vimos de conseguir dúas vitorias consecutivas, ante o Guadalcacín e, máis recentemente, o Les Corts. Polo medio, superamos os dezaseisavos de final da Copa da Raíña en Almagro. Nos cuartos de final da Copa Galicia, que para nós foi o primeiro partido desta competición, impuxémonos por 0 – 3 ó Bembrive FS, de Segunda División. Para este encontro mantemos as baixas de Èlia e Yanira.

O Estrela Futsal, que dende esta tempada xoga como local en Verín, ocupa a 9ª posición na liga, no ano do seu debut en Primeira División. Vén de gañar por 2 – 1 ó Ceuta e xa demostrou o seu potencial ó ser o único equipo que derrotou ó Futsi, actual campión, ademais de facelo no seu propio pavillón. Ó igual ca nós, tamén avanzou de rolda na Copa da Raíña, tras superar ó CD La Concordia, mentres que nos cuartos de final da Copa Galicia eliminou, na quenda de penaltis, ó Ourense Ontime. No seu cadro incorporáronse Candela e Rafa Pato, que a pasada tempada pertencían ó club conserveiro. Tamén conta con Lucía Paz, porteira que pasou pola nosa entidade na tempada 2021 / 2022.

O único precedente entre ambos os equipos remóntase á pasada edición da Copa Galicia, cun 0 – 5 ó noso favor nos cuartos de final.