Hoxe, 8 de outubro de 2026, a RFEF confirmou que o noso pavillón será a sede da próxima Supercopa de España feminina, que se celebrará os días 30 e 31 de xaneiro de 2027. Nela participaremos xunto ó Futsi Atlético Navalcarnero, Torreblanca Melilla e AD Alcorcón. Os cruces das semifinais aínda están por definir.
A Seca está afeita a acoller campionatos de relevancia a nivel autonómico e estatal. Por exemplo, no fútbol sala de base, en 2022 organizamos o Campionato de España de clubs Infantil Feminino. Neste mesmo ano 2026, en abril, tamén se disputaron na nosa pista encontros do Campionato de España de Seleccións Autonómicas na categoría benxamín. Tamén cómpre destacar que en 2016 se celebrou un partido internacional amigable entre España e Portugal, como parte da concentración de ambas as seleccións de cara á preparación do Torneo Europeo das Catro Nacións.
Quizais o prato forte no que respecta ós eventos organizados na nosa casa foi a Copa de España de 2017. Naquela cita non fomos quen de superar o partido de cuartos de final ante o Alcorcón e, finalmente, o título foi para o Ourense FSF.
Neste caso, A Seca decidirá o primeiro título da tempada, o de supercampioas, que actualmente posúe o Melilla. Esta será a quinta edición do torneo que se celebrará en formato Final Four, coa participación do noso club en dúas delas (2024 e 2025) baixo esta condición. Porén, o noso debut na Supercopa produciuse na tempada 2020 / 2021, a partido único en Burela e con triunfo local. No curso 2023 / 2024 superamos nas semifinais ó Roldán, nos penaltis, pero de novo as mariñás deixáronnos sen levantar o título. Na tempada 2024 / 2025 caemos por 1-2 ante o Futsi na semifinal.
Polo tanto, volvemos a esta competición da que fomos subcampioas en dúas ocasións, despois de non conseguir clasificarnos para ela na pasada campaña, coa intención de conquistar o noso primeiro título nacional na nosa casa e coa nosa xente apoiándonos.
En canto á propia organización do evento, horarios e entradas, irase ampliando a información a medida que se vaia coñecendo.

