Novas

A televisión nacional quere ó Poio Pescamar

Xan 21, 2025

O fútbol sala feminino está en auxe e non se pode negar. España conta coa mellor liga do mundo, con xogadoras punteiras de varios países e todo nun ano 2025 con Eurocopa e o primeiro Mundial da historia.

Este apoxeo na repercusión do noso deporte vén da man dun maior escaparate ó público xeral. A Primeira División, por segundo curso seguido, conta cun partido cada xornada en directo por Teledeporte, unha aposta da RFEF que está sendo moi beneficiosa (sen esquecer que o resto de duelos se ven en directo por YouTube grazas ó acordo con Sinopsis Vuvuzela). Ademais, fai xa algúns anos que tamén se retransmiten eventos como a Copa da Raíña ou a Supercopa de España.

O noso club, nun esforzo da directiva no aspecto deportivo, como institucional, está creándose un nome no panorama do fútbol sala a nivel nacional grazas ó seu rendemento no campo, ergo na televisión. Se non nos trabucamos botando a vista atrás, estreámonos nos directos da televisión deportiva nacional na Final Four da Copa da Raíña da campaña 2019 / 2020, coas emisións da semifinal e a final.

Pouco despois, repetimos en Teledeporte coa retransmisión da Supercopa de España pertencente ó curso 2020 / 2021, en Burela. A nosa repercusión nesta cadea creceu exponencialmente a campaña pasada. Repetimos coa semifinal e a final da Supercopa en Torremolinos. Ademais, a Primera Iberdrola FS estreou os seus directos en Teledeporte co duelo Roldán – Poio, na oitava xornada. Tamén obtivemos protagonismo televisivo nas datas 18 e 26 (contra Móstoles en casa e na visita ó Futsi).

Na tempada actual, se todo vai ben, sairemos todavía máis na citada canle. Xa o fixemos por partida dobre na Seca, ante Melilla e Rubí (xornadas 12 e 17). Tamén se poderá ver pola tele o partido en Navalcarnero da 20ª xornada e o recibimento do Roldán na 21ª. Entremedias, estaremos na Supercopa de España a primeira fin de semana de febreiro en Móstoles. Por último (a falta de saber se teremos máis retransmisións en liga), tamén seremos da partida televisiva na Final Eight da Copa da Raíña.

Todo isto, sen esquecer os directos na televisión de Galicia, como na 15ª xornada de liga no derbi ante o FSF Castro ou os vindeiros Derbi da Ría contra o Marín Futsal e o Derbi das Costas contra o Burela, todos na Seca.

Así, decenas de miles de persoas en cada retransmisión coñecen o noso deporte, as nosas futbolistas, os nosos patrocinadores e ó concello de Poio. Un valor incalculable e rentable, pois cada vez máis se ve a cor vermella conserveira en Teledeporte.

CATEGORÍA: Novas
ETIQUETAS: