Novas

Anima ó equipo no seu partido de Copa da Raíña dende A Seca!

Out 31, 2023

Este mércores 1 de novembro, Día de Todos os Santos (ós que nos encomendamos), xogamos un partido que é unha auténtica final. O sorteo dos oitavos de Copa da Raíña emparellounos un ano máis cun dos equipos favoritos a gañalo todo, o Burela (precisamente fíxoo na pasada tempada e acumula cinco Copas consecutivas), e na súa pista, sendo a partido único.

Dende que desputamos a final en Málaga, non logramos volver entrar na última fase de dita competición, incluso co aumento do evento a unha final a oito. Isto ten que rematar e se queremos levantar o título, non importa o rival nin o momento, temos que vencer a calquera, por moi difícil que sexa.

É máis que sabido que as nosas futbolistas crécense cos ánimos da Marea Vermella e, aínda que sexa dende a distancia, queremos que o volvan sentir. Por iso, convocamos ós nosos afeccionados a acudir ó pavillón da Seca para ver e apoiar todos xuntos ás nosas xogadoras. O partido será ás 18:30h, abrindo o pavillón media hora antes. A emisión en directo poderase seguir dende o marcador instalado na pista.

Fagamos unha festa no día de defuntos. Celebremos a unión do fútbol sala en Poio!

CATEGORÍA: Novas