As porterías da Seca quedan sen o acento gaditano despois de tres espléndidos anos, pois Caridad García non continuará nas filas vermellas no próximo curso. Era xa unha veterana no equipo (só superada por Irene e Dani Sousa e igualada con Ana Rivera) ós seus 22 anos. Chegou dende o CD Guadalcacín FSF como unha das promesas do futsal español e abofé que cumpriu as expectativas.
Compartiu posto defendendo as redes conserveiras con Silvia Aguete nas dúas primeiras campañas. A mellor portería do mundo, con dúas internacionais con España. Na tempada recentemente finalizada, sendo titular en casi todos os partidos entre liga, Copa da Raíña e Copa Galicia, levantou o título desta última. Os números no campeonato ligueiro non pasaron inadvertidos tampouco, encaixando 58 goles en 30 partidos, mesma cifra que a do Futsi, só superada por Burela e Roldán.
Moitas grazas, Caridad, polo teu esforzo e implicación. Poio será sempre a túa casa.