Finalizou a campaña na máxima categoría e toca confeccionar o equipo para a próxima tempada, comezando polo banco. A decisión máis complicada de inicio tomouse e o adestrador Manuel López Cossío desvincularase do club. Pon fin así á súa terceira etapa como vermello (estreándose na primeira en Segunda División nacional), chegando nos tempos fortes da pandemia, en marzo de 2020 e vivindo dous anos nos que logramos superar novas barreiras no noso crecemento dentro do fútbol sala español.
Cando asinou, non debutou pola cancelación da liga polo covid, sendo a primeira das tres seguidas que finalizamos quintas. No curso 2020 – 2021, rozamos a gloria caendo na final da Copa da Raíña (edición posposta da campaña anterior) e na Supercopa de España celebrada en Burela. A tempada pechouse con dous xerros de auga fría, ó quedarnos fóra da final a oito en Copa e quintas en liga por un só punto.
O balance positivo deu continuidade a un proxecto que este ano tropezou en dúas mesmas pedras. De novo, eliminadas en Copa da Raíña en oitavos de final e nos penaltis. Ademais, repetimos o quinto posto en liga, outra vez a un punto do playoff polo título. Iso si, non esquecemos a consecución da nosa terceira Copa Galicia fai xusto un mes no pavillón da Raña de Marín, ante o Ourense Envialia.
Nos dous anos e dous meses que o técnico de Vilanova de Arousa permaneceu na entidade nesta etapa, dirixiu 66 partidos oficiais entre liga, Copa da Raíña, Copa Galicia e Supercopa de España, cunha bagaxe de 37 vitorias, 10 empates e 19 derrotas. Sen lugar a dúbida, unha espléndida presencia que fai que nos custe máis separar os nosos camiños. Toda a sorte nos teus futuros proxectos, Manu!