Novas

Definidos os cadros de Copa Galicia masculina e feminina

Ago 8, 2025

A Real Federación Galega de Fútbol realizou os sorteos de Copa Galicia o pasado 5 de agosto. Será a edición 34 en categoría masculina e a 19 na feminina (onde contamos con catro títulos).

Esta é a primeira tempada na que os nosos dous equipos sénior participan, posto que o masculino logrou a súa clasificación grazas ó segundo posto co que rematou a pasada campaña no grupo sur da categoría Preferente.

Por tanto, o seu debut histórico en Copa Galicia terá lugar na primeira rolda previa, nada máis e nada menos que cun Derbi da Ría fronte ó Marín Futsal, conxunto que está en Terceira División (un chanzo por riba dos nosos rapaces). O partido disputarase na Seca, a priori o día 31 de agosto. O vencedor terá que enfrontarse despois ó Stellae Leis Pontevedra, equipo de Segunda División B.

No cadro feminino existe unha única rolda previa, que tamén se disputará a finais de agosto. As vencedoras veranse en cuartos de final contra os conxuntos que están en Primeira División (duelos fixados segundo o organigrama para o 30 de setembro).

As nosas contrincantes sairán do emparellamento entre o Estrela Futsal de Cortegada (Ourense), club recén ascendido a Segunda División e cun proxecto moi ambicioso, e o CD Mosteiro Bembrive vigués, que por segunda campaña consecutiva non logrou ascender a Primeira na disputa do playoff.

 

Fonte de información e imaxes: Futgal
CATEGORÍA: Novas