Novas

A RFGF publica o cadro da Copa Galicia

Xul 28, 2026

A poucos días de que comecen as pretempadas dos nosos equipos insignia, deuse a coñecer o camiño que terán na Copa Galicia. Referímonos tanto ó conxunto feminino de Primeira División como ó masculino de Terceira Nacional. Por segunda tempada consecutiva, ambos participarán no torneo autonómico. Será a 35ª edición na categoría masculina e a 20ª na feminina.

O equipo de Luis López-Tulla, campión en catro ocasións e finalista na pasada campaña, comezará nos cuartos de final e o seu rival sairá do duelo preliminar entre o Leis Pontevedra FS (Preferente Galicia) e o CD Mosteiro Bembrive (Segunda División).

Pola súa banda, os rapaces de Lin, que repetiron o segundo posto no grupo sur de Preferente e clasificáronse para a Copa Galicia por segunda vez na súa historia, recibirán na primeira rolda á ADFS Bueu, que tamén será rival na liga en Terceira División. O encontro disputarase na Seca a última fin de semana de agosto.

No caso de lograr a vitoria, enfrontaríanse ó vencedor do duelo entre o ADI Vianariño FS e o Sala Ourense. O pasado ano, no seu debut na competición, conseguiron superar ó Marín Futsal, daquela unha categoría superior, para despois caer fronte ó Leis Pontevedra FS, que acabaría proclamándose campión da Segunda División B.

CATEGORÍA: Novas