Este martes, 31 de marzo, sorteáronse os cruces da fase final da Copa da Raíña, que se disputará no pavillón Móstoles Sur, do 1 ó 3 de Maio.
O Poio Pescamar quedou encadrado na última chave, co Móstoles FSF como rival de cuartos de final. Sen dúbida, un duro duelo ante un club que exercerá, na práctica, como local. O partido celebrarase o 1 de maio, coa hora pendente de certificar. O equipo de Patri Chamorro eliminou en oitavos de final ó Ourense Ontime e, en dezaseisavos, ó Martos FS Jaén Paraíso Interior. Será a primeira vez que ambos clubes compitan entre eles na Copa.
No outro choque do noso lado do cadro enfrontaranse o Leganés, un dos representantes de Segunda División, co Melilla Torreblanca. Polo outro lado veranse as caras o Rubí (tamén da categoría de prata) contra o Alcorcón e, por último, o Atlético Torcal contra o FSF Castro.

