O pasado 17 de maio de 2022 quedará coma unha das datas marcadas na nosa historia. Mantemos o idilio coas finais de Copa Galicia ó vencer as tres ás que chegamos.
Precisamente, no mesmo escenario e ante o mesmo rival que en 2017, cando conseguimos a primeira, levantamos de novo o trofeo en Marín, nun partido que mantivo o suspense ata o último suspiro.
Ós sete minutos, un saque de banda convertiuse no gol de Iria Saeta, ex vermella, para adiantar ó equipo de Morenín. Dende entón, defendéronse á perfección mentras sumabamos ocasións. Pero a pelota non quería entrar.
Cando languidecía o duelo e asemellaba que sería un deses días nos que a sorte é esquiva, apareceu Dani Sousa (quen se non, a nosa capitá), para marcar un golazo que nos conduciría á prórroga.
Os minutos extra pasaron voando e volvíamos a enfrontarnos á tanda de penaltis, onde os fantasmas das últimas veces parecían máis rival que o propio Ourense.
Fallaba Anna o segundo lanzamento (ou acertaba Vane en portería, segundo o punto de vista) e a sombra da derrota planeaba sobre nós. Lucía Paz saíu coma alternativa, pero as xogadoras aurienses non erraban.
Con todo preparado para gañar, Jenny Lores, quen fora peza chave nas nosas filas cando vencimos en 2017 e que dixera que de perder esta final, mellor contra o Poio, colleu carreira e observou como Caridad lle atallaba o disparo. A porteira de Sanlúcar de Barrameda erixíase en heroína ó deter, despois de que Luci nos puxese por diante, o penalti de Robinha e deixar o título nas nosas vitrinas. Apenas un par de minutos separaron o desamparo da gloria.
A partir de aí, fotos, medallas, vídeos e recordos para a posteridade. Ah, e o trofeo de MVP moi merecido para Anna Escribano. Podedes revivir o partido completo clicando aquí.