Novas

¡Campioas da XVII Copa Galicia!

Mar 30, 2024

Do 17 de maio de 2022 ó 28 de marzo de 2024. Ese é o período de tempo entre a consecución da terceira Copa Galicia e a cuarta. O noso idilio coas finais nesta competición mantense, pois gañamos todas ás que chegamos: 2017 e 2022 contra o Ourense, en 2018 fronte ó Burela e, recentemente, nun espectacular Derbi da Ría ante o Marín Futsal.

Ó igual que en 2022 marcou a capitá do momento, Dani Sousa, foi Irene quen abriu o marcador na primeira parte, anotando por cuarto partido consecutivo. Na segunda metade, os contragolpes fixéronnos moito dano e Débora Lavrador empatou. Cabe destacar dous paradóns de Elena nestas situacións. A propia Débora foi expulsada na recta final e, aínda que non logramos evitar a prórroga, ó pouco de comezar esta, un pase de Saki serviríalle a Rocío Gómez para facer o tanto definitivo. Podedes ver todo o partido aquí e os goles picando neste enlace.

Ale de Paz, MVP da final, convertiuse na xogadora con máis títulos gañados co Poio, consumando a súa terceira Copa Galicia (máis unha que posee co Burela). Con dúas temos a Anna Escribano, Irene e Martita, así como Dani Sousa. Destaca tamén Lara Balseiro, que suma sete Copas Galicia, sendo esta a primeira lonxe de Burela.

Por outro lado, débese reseñar o traballo por parte da Federación Galega de Fútbol, Deputación de Pontevedra, Televisión de Galicia e outras institucións, como os concellos de Marín e de Poio, así como ambos clubes cos seus traballadores, patrocinadores e colaboradores, pois entre todos organizouse un evento envidiable no fútbol sala feminino español, cun pavillón abarrotado e colorido polas impecables afeccións. E isto é algo que non se ve en finais nacionais.

CATEGORÍA: Novas