Co último partido de pretempada en xogo este sábado ás 12:30h (A Seca, contra o Ourense Ontime), pecharase un mes de agosto de preparación dun novo curso, despois do verán con menos cambios no cadro nos últimos anos. A continuidade é case total de cara á próxima tempada, xa que case todos os integrantes contan con contrato ata 2028. Isto tamén se traslada ó ámbito da capitanía, onde repiten as mesmas catro futbolistas da pasada campaña, na seguinte orde de prioridade:
- Ale de Paz: absoluta lenda vermella con oito tempadas no club (esta será a cuarta consecutiva na súa segunda etapa en Poio). A xogadora que máis partidos disputou defendendo a nosa camiseta, que máis títulos gañou con ela (tres das nosas catro Copas Galicia) e máxima goleadora do curso anterior (o seu mellor rexistro como conserveira, con 18 goles). Será o seu segundo ano á fronte da capitanía.
- Martita: é a xogadora con máis campañas consecutivas como conserveira, con seis. Será a cuarta entre as capitás. A internacional coruñesa xa está no top 5 de futbolistas con máis partidos no Poio Pescamar e, se todo vai ben, será a terceira en superar a barreira dos 200 encontros.
- Elena: quinta tempada para a porteira segoviana e segunda entre as capitás. Elena é a segunda gardameta que supera os 100 partidos coa elástica conservera, seguindo a estela de Silvia Aguete.
- Chuli: será a segunda vez que exerza de capitá (no caso de que as tres anteriores estean convocadas coa Selección Española), na que será a súa terceira campaña como vermella.
Por último, lembramos que a captación de abonados está en marcha. Os carnés pódense solicitar a través deste formulario ou en oficina@poiopescamarfs.es / WhatsApp: 698 14 77 05. Nos partidos dos equipos feminino e masculino na Seca pódense realizar os pagamentos e recollidas dos carnés. O primeiro duelo oficial en Primeira División será o 12 de setembro (segunda xornada fronte ó Rodiles), mentres que o conxunto masculino debuta este domingo ás 19h na Copa Galicia contra a ADFS Bueu.

