Novas

Carolina Pedreira gaña o premio a mellor xogadora moza do 2025. Elena, entre as finalistas a mellor porteira

Xan 7, 2026

O 2026 está comezando cargado de boas noticias na casa conserveira. Despois de sumar dous importantes triunfos nos primeiros duelos do ano, agora é o turno dun galardón individual.

O portal especialista Futsal Planet, que outorga cada ano os premios ós mellores xogadores e clubes a nivel mundial, recoñeceu á nosa Carolina Pedreira como a mellor xogadora moza de fútbol sala do mundo en 2025. Pedreira, que xa estivo nominada polo seu bo facer en 2024, foi campioa da Copa da Raíña co Burela antes de vir a Poio en verán. Ademais, proclamouse subcampioa do mundo con Portugal no primeiro Mundial oficial en Filipinas, celebrado entre novembro e decembro do ano pasado. No que vai de campaña como vermella, disputou 16 partidos entre Primeira División, Copa da Raíña e Copa Galicia, sendo titular en 9 deles, anotando 10 goles (segunda máxima goleadora do equipo) e dando 3 asistencias.

Carolina non era a única do noso plantel candidata a galardón. A nosa gardameta Elena, titular tamén coa Selección Española, coa que colgou o bronce no Mundial, estaba entre as dez finalistas a mellor porteira, pero finalmente a vencedora foi a italobrasileira Ana Carolina Caliari Sestari.

Dende o club queremos darlle os parabéns a ambas futbolistas por estes recoñecementos a nivel internacional. Seguimos traballando!

CATEGORÍA: Novas