O curso 2022 / 2023 ten data de saída. O mércores día 3 de agosto será o momento para que o equipo de Primeira División volva a reencontrarse e comece a preparar unha tempada máis na máxima categoría do fútbol sala español.
Luis López-Tulla, o noso novo adestrador, xunto a un renovado equipo técnico, terá á súa disposición a un plantel practicamente pechado, a falta de confirmar os últimos movementos. Así, durante o mes de agosto todos poderemos coñecernos ben e preparar os primeiros partidos amistosos.
Ademais, todo enmarcado na que será a campaña do noso 25 aniversario e que queremos que sexa máis especial que nunca.
A presentación do plantel será ás 17:45h do mércores e o primeiro adestramento, de 18:15 a 20:15. A semana complétase con dobre sesión (ximnasio de mañá e adestramento de tarde) xoves e sábado, así como sesión única na tarde do venres.