Novas

Comunicado Oficial – Actuación arbitral Copa da Raíña

Mai 2, 2026

O club Poio Pescamar Fútbol Sala, a través do presente comunicado, desexa expresar publicamente a súa absoluta indignación, incredulidade e rexeitamento ante a actuación arbitral condicionante na semifinal da Copa da Raíña 2026 fronte ó Torreblanca Melilla Club de Fútbol. O sucedido neste partido proxecta unha imaxe que dista moito dos estándares que deben rexer unha competición de máximo nivel baixo o amparo da Real Federación Española de Fútbol.

O encontro, que transcorría baixo parámetros de igualdade, competitividade e alto nivel deportivo, quedou gravemente condicionado por unha serie de decisións arbitrais que, a xuízo deste club, resultaron determinantes no desenlace da eliminatoria. En especial, a expulsión por dobre amoestación da nosa xogadora Rafa Pato supón un punto de inflexión que altera de forma directa o equilibrio do partido.

O Poio Pescamar considera especialmente preocupante que, nun escenario de máxima esixencia competitiva como unha semifinal de Copa, o criterio arbitral amosado non estivese á altura do nivel que actualmente esixe o fútbol sala feminino, unha disciplina que experimentou un crecemento exponencial e que é en España, a día de hoxe, un referente internacional cos mellores clubs e xogadoras.

Máis alá de diversas consideracións durante o partido, que tamén son obxecto de análise, facemos fincapé no detonante do resultado: a expulsión por dobre amoestación de Rafa Pato. Estas son as dúas xogadas:

A expulsión da nosa futbolista foi o punto decantador dun duelo igualado. É dicir, a balanza foi desnivelada polo colectivo arbitral. En directo pódese comprender que existan erros, pero non que se sancionen sempre no noso prexuízo e con tarxetas, coñecendo a importancia dunha expulsión nunha semifinal como esta. As imaxes falan por si soas.

O Poio Pescamar Fútbol Sala representa un colectivo de profesionais que traballan diariamente co máximo nivel de esixencia: xogadoras, corpo técnico, preparadores físicos, fisioterapeutas, delegados, encargados do material, condutores, comunicadores e directivos. Un amplo equipo humano que sustenta un proxecto deportivo consolidado. É intolerable que o traballo de toda a xente que se implica nun club se bote por terra por este motivo. O fútbol sala feminino non é unha actividade residual nin amateur. É unha realidade profesional que require o mesmo rigor e respecto por parte de todos os estamentos que o integran.

Por todo isto, o club esixe a asunción das responsabilidades que correspondan, en defensa da integridade da competición e do traballo de todos os equipos que a conforman, así como unha reflexión profunda sobre o sucedido e a adopción das medidas necesarias para garantir que situacións como esta non volvan repetirse. O Poio Pescamar reafirma o seu compromiso co crecemento do fútbol sala feminino, pero tamén a súa firme determinación de defender os intereses do club e deste deporte ante situacións que considera inadmisibles.

CATEGORÍA: Comunicados
ETIQUETAS: Copa da Raíña