Novas

Recordatorio de que Luis ten contrato ata 2026

Xuñ 13, 2025

Non queríamos que o feito de que Luis López-Tulla renovase en 2024 por dous anos lle quitase a súa parte de protagonismo este verán nos anuncios do equipo conserveiro. O adestrador madrileño, que en agosto cumprirá 30 anos, sumará a súa cuarta tempada ó mando do conxunto de Primeira División, o que ningún técnico lograra con anterioridade no noso club.

Luis xa se compara con Marcio Santos, que nos dirixiu en catro campañas (en Segunda a do ascenso e tres máis en Primeira) non consecutivas. Marcio estivo en Poio de 2012 a 2014 e de 2016 a 2018. Por tanto, nestes momentos, ambos adestradores contan con 90 encontros dirixindo ó Poio na máxima categoría do fútbol sala feminino español (liga regular, pois cos playoffs Luis vaise ós 95). Certo é que a bagaxe do brasileiro é de 42 vitorias, 14 empates e 34 derrotas, mentras que a de Luis suma 54 triunfos, 17 empates e 19 derrotas (recalcamos a comparación sobre os 90 partidos). Xuntando as demais competicións e o playoff ligueiro, López-Tulla alcanza os 113 duelos á fronte do vestiario conserveiro (63 vitorias, 20 empates e 30 derrotas).

Nestes tres anos con Luis, o equipo escalou as súas metas máis altas en liga, coas dúas primeiras participacións no playoff polo título (unha como subcampioas de liga regular). Ademais, gañouse unha Copa Galicia (a cuarta do club), disputáronse dúas Supercopas de España (un subcampionato) das tres que a entidade alcanzou e volveuse chegar a unhas semifinais de Copa da Raíña, as segundas da nosa historia (o noso tope é o subcampionato en 2020).

CATEGORÍA: Comunicados