Novas

Convocatoria Oitavos de Final Copa da Raíña

Feb 26, 2022

A expedición vermella partiu na madrugada de venres para sábado en autobús cara a Zaragoza, onde pasarán a tarde descansando e ultimando detalles para o partido de oitavos de final de Copa.

Jane volta a unha convocatoria despois de catro partidos (precisamente dende a visita do conxunto maño á Seca en liga, con resultado de 5-1), aínda que ata o último momento non se saberá se desfrutará dalgún minuto. No conxunto de Chus Muñoz, mantense a baixa de Clara, ex xogadora conserveira, e completa a súa lista con tres futbolistas do filial.

Así, recupérase un partido que estaba datado no 9 de xaneiro, mais se aprazou por casos de covid no conxunto zaragozano. Como obxectivo, a final a oito que se desputará no mes de maio.

Chegamos a este encontro logo de vencer no Derbi da Ría con contundencia e retornar ó cuarto posto, que dá dereito a xogar o playoff polo título. Dúas vitorias consecutivas despois do duro pau que foi perder ante un rival directo coma o Móstoles en casa. Pola contra, o Sala Zaragoza está no 12º posto, tres puntos por riba do descenso e ven de acadar un meritorio empate no Siglo XXI precisamente ante o Móstoles.

O partido será o 27 de febreiro, domingo de Entroido, ás 12 horas e poderase ver en directo polas canles de Live Vuvuzela e da RFEF. Coma sempre, poñeremos os enlaces nas nosas redes sociais cando comece o partido.

 

CATEGORÍA: Convocatorias