Novas

Entradas para o Playoff polo Título de Liga

Mai 31, 2023

Día moi grande para Poio, para a Marea Vermella e para o fútbol sala galego o que teremos o sábado (3 de xuño, 18:30h) no pavillón da Seca. Recibiremos, por segunda semana consecutiva, ó Burela FS, pero esta vez no primeiro partido da semifinal polo campionato de liga.

Unha vez finalizou a competición, a mellor da nosa historia con 75 puntos, o segundo posto, unha soa derrota en 30 partidos e como equipo menos goleado, ficamos emparelladas coas nosas veciñas do norte de Lugo, que foron terceiras. A eliminatoria decidirase ó mellor de tres partidos, é dicir, quen gañe dúas veces meterase na final (contra Futsi ou Melilla). Ó quedar segundas, comezamos o playoff en casa e despois viaxaremos a Burela. En caso de que cada conxunto vencera un duelo, o terceiro encontro será na Seca. Cada choque dirimirá un vencedor, polo que se houbese empate, chegaríamos ata os penaltis.

O custo das entradas será o seguinte:

  • Socios e abonados do Poio FS: gratis.
  • Entrada xeral: 10€
  • Ata 16 anos: 5€

Coa intención de levar polo aire ó equipo nun pavillón a rebosar das nosas cores, faremos un desconto entre todo aquel que veña con camiseta, chaqueta ou similar prenda ben visible, que sexa de cor vermella. Para eles, o prezo quedaría en 5€ na entrada xeral ou 2€ para menores de 16 anos.

Agardamos o mellor ambiente para un día que, tras moitos intentos, por fin chegou!

CATEGORÍA: Novas