Novas

España revalida a Eurocopa coa nosa vermella Luci

Xul 4, 2022

A selección española proclamouse campioa de Europa e revalida o título colleitado en 2019 no mesmo escenario e ante a mesma finalista. Iso si, esta vez en Gondomar as lusas chegaron ata a quenda de penaltis, cando na primeira edición do torneo perderan dita final por un contundente 4 – 0.

Este enorme éxito do fútbol sala español ten un forte protagonismo galego, posto que tres xogadoras son as que aportamos ó conxunto nacional. Pasado e presente conserveiro, como foron Ale de Paz e Silvia Aguete e como é, e será tras a súa renovación, Luci. Non podemos deixar atrás a outra ex vermella como Jenny Lores, habitual en La Roja pero que non entrou na lista definitiva para esta fase final en Portugal. Ademais, militan no Burela as campioas Peque, Irene Samper e Dany, e suma dende o corpo técnico Adrián Paz como preparador físico. Non cabe dúbida de que Galicia está tirando do carro do fútbol sala español.

Momento tamén para reivindicar este deporte, que quizáis deu un paso atrás no último ano en canto a repercusión nacional se refire. Agora que se suceden as homenaxes e que as personalidades enchen a boca, hai que lembrar que todo isto non é froito dunha casualidade.

Dende o Poio FS, ós nosos máis sinceros parabéns á selección española e a todos os que traballan en pro deste deporte, así como á nosa compañeira Luci, que anotou dous goles na semifinal ante Ucraína e que se merece todo o mellor. Bravo, Lucía!

CATEGORÍA: Novas