O pasado día 17 de Marzo a RFEF confirmou onde e cando se celebrará a Fase Final da Copa da Raíña do presente curso. Será entre o 1 e o 3 de Maio, no pavillón Móstoles Sur, da localidade mostoleña.
Por segunda vez, de forma consecutiva, estaremos nunha final a oito, formato usado para dirimir o campión deste torneo dende a campaña 2020 / 2021. Dende entón, nas catro primeiras ocasións caemos en oitavos de final. O ano pasado rachamos ese meigallo e alcanzamos as semifinais, onde nos superou o Burela, quen alzou o título.
O noso teito segue sendo o subcampionato da tempada 2019 / 2020, única edición que se disputou baixo o formato de Final Four e que fora atrasada a decembro de 2020 polo covid.
No presente curso, superamos en segunda rolda ó Almagro FSF a domicilio e, en oitavos de final, logramos eliminar na Seca a un dos favoritos, o Futsi Atlético Navalcarnero.
Entre os posibles rivais están: Melilla, Alcorcón, Móstoles, Castro, Atlético Torcal, Rubí e Leganés, sendo estes dous últimos de Segunda División. O sorteo dos cruces está por determinar (o ano pasado fixérono o 14 de abril).

