A segunda futbolista confirmada como novidade para o próximo curso é Carolina Bravo Curbelo (Lanzarote, 06/02/2003). Ocupará a posición de ala-peche e procede do Marín Futsal.
Bravo, como nos referiremos a ela deportivamente, comezou xogando ó fútbol 11 na U.D. Lanzarote en 2012, onde permaneceu unha campaña. Despois estivo catro máis no C.D. Lomo e outras dúas no F.C. Puerto del Carmen. A mediados da tempada 2018 / 2019 foise á U.D. Tacuense e logrou o ascenso a Segunda B, á vez que foi convocada pola selección canaria. Regresaría ó F.C. Puerto del Carmen na 2019 / 2020, conseguindo nesta ocasión ascender a Terceira División e ser subcampioa de España de seleccións autonómicas. O seu derradeiro club en fútbol foi o Fundación C.D. Tenerife, no que estivo nos cursos 2020 / 2021 (ascenso a Terceira División) e 2021 / 2022.
A súa andaina nos pavillóns tivo o seu primeiro paso a nivel de clubes tamén na tempada 2021 / 2022, nas filas do Costa Sur Futsal de Segunda División. Ademais, foi convocada coa selección canaria de fútbol sala. Para a 2022 / 2023, Carolina firmou co Sala Zaragoza e debutou en Primeira División, manténdose nela nas dúas últimas campañas na estrutura do Marín Futsal. Defendendo a camiseta branquiazul conseguiu a súa primeira convocatoria coa Selección Española Sub-21 no curso 2023 / 2024 e sumou dúas aparicións máis na recentemente rematada tempada 2024 / 2025 coa Sub-23.
Benvida a Poio, Bravo!

