O duelo do pasado sábado en Barcelona fronte á AE Les Corts-UBAE non só significou o remate da primeira volta da liga ou a cuarta vitoria consecutiva do equipo (que non é pouco), senón que supuxo a consecución dun dato aínda máis transcendental.
Con ese enfrontamento incluído entre todos os que acumula en catro tempadas ós mandos do conxunto conserveiro, Luis López-Tulla suma 131 partidos no banco vermello e supera os 130 de Marcio Santos, ata agora o posuidor deste récord. Con máis dun cento de encontros tamén se sitúa Manu Cossío, ó que lle anotamos 117 (cifra que pode non ser exacta ante a falta de datos anteriores a 2008). O único rexistro que aínda non posúe o adestrador madrileño é o de máis partidos na Copa Galicia (8), superado aínda polo brasileiro (12), que ademais levantou o título en dúas ocasións, por unha con Luis (a restante, con Cossío).
O balance xeral de resultados con Luis é de 75 vitorias, 24 empates e 32 derrotas. Tamén hai que esclarecer que os seus números son todos en Primeira División, onde ningún outro adestrador do club superou as tres campañas. De feito, con el batéronse rexistros tan importantes como:
- Mellor arrinque de liga (10 xornadas iniciais): 27 puntos de 30 posibles.
- Maior xeira de vitorias consecutivas: 12.
- Maior puntuación: 75.
- Mellor posto: segundas.
- Máis goles anotados: 95.
- Menos goles encaixados: 34.
- Máis partidos seguidos sen perder na liga: 28.
- Máis vitorias nunha volta de liga: 13.
- Máis puntos nunha volta de liga: 40.
- Ningunha derrota nunha volta de liga.
- Menos goles encaixados nunha volta de liga: 17.
- Maior goleada: 12–0 (e segundo partido no que máis goles anotamos).
- Maior goleada como visitante: 0–6.
- Menos partidos sen marcar: só 1, na tempada 2022 / 2023.
- Maior xeira de partidos marcando: 30 (contando o playoff).
- Máis partidos sen recibir gol nunha campaña: 10.
- Maior xeira de partidos sen encaixar gol: 3.
A única competición que se lle resiste a Luis, e ó club, é a Supercopa, na que non se conseguiu vencer (un empate con pase a penaltis e tres derrotas).
Dende o club, desexamos que Luis siga ampliando os seus rexistros con nós e que poidamos facer historia xuntos.
Foto de Débora Braga.

