O 21 de setembro de 2013 debutabamos na máxima categoría do fútbol sala feminino español na cancha do Móstoles, precisamente o noso próximo rival. Claudia foi a encargada de marcar o primeiro tanto vermello nun duelo que vencemos por 1 – 2.
Doce anos despois, o proxecto conserveiro segue crecendo e consolidándose como un dos máis estables, clasificando sempre entre os dez primeiros. Un total de 358 partidos entre liga regular e playoffs, con 184 vitorias, 50 empates e 124 derrotas. Os goles anotados ascenden a 1.002 e os encaixados suman 782. E é aquí onde remarcamos o rexistro, posto que o quinto gol no triunfo por 7 – 0 ante o Chiloeches na pasada xornada, asinado por Carolina Pedreira, quedará selado para sempre na nosa historia. Unha xogada en equipo, con asistencia de Chuli, quen anotara fai un ano o número 900.
A nosa campaña máis goleadora foi a 2022 / 2023 con 99 dianas. A primeira con Luis López-Tulla no banco, na que clasificamos segundas en liga regular e disputamos o noso primeiro playoff polo título. Fora un ano de constantes récords, que obviamente intentaremos superar.
Parabéns a todo o equipo polo traballo. Seguiremos moi atentos ás estatísticas.
Foto de Débora Braga.

