Novas

O Sénior Masculino busca facer historia

Mai 5, 2025

Un novo fito queremos escribir na historia do club. Esta vez os protagonistas son eles, os xogadores do Reserpón sénior masculino, adestrados por Ángel Alfonsín, Lin, que acabaron segundos no Grupo Sur de Preferente, o que supón disputar por vez primeira a fase de ascenso a Terceira División, categoría que nunca alcanzamos.

Aínda que a tempada comezou irregular, a segunda volta do equipo foi estratosférica, con 14 vitorias e 1 derrota (ante o campión, Vianariño). Así, pasaron de rematar a primeira volta en novena posición, a 12 puntos do segundo, a incluso pelexar o ascenso directo.

O sistema de ascenso é de semifinal e final a un único partido, na pista do mellor clasificado. Por iso era tan importante asegurar o subcampionato na última xornada. Ademais, en caso de empate, habería unha prórroga con dous tempos de tres minutos, pero nunca penaltis. Se a igualdade se mantivese, o equipo local (ó finalizar a liga en mellor posición que o rival), sería o declarado gañador.

Desta forma, o domingo 18 de maio ás 18 horas, na Seca, recibiremos ó quinto clasificado: Pizarras Los Tres Cuñados FS. Ó conxunto do Barco de Valdeorras lle gañamos en ambos enfrontamentos ligueiros. Agardemos que non haxa dúas sen tres. A outra eliminatoria será entre o Redondela FS e o CVC Valladares. Unha hipotética final tamén a xogaríamos en casa.

Por último, cabe sinalar que o feito de quedar segundos tamén nos dá praza na próxima edición da Copa Galicia. Será a primeira vez que o noso conxunto sénior masculino a dispute.

CATEGORÍA: Novas